Friday 03 de May de 2024

Inés Rey: “O Calendario Histórico da Coruña  axúdanos a poñer en perspectiva os avances experimentados no último século na nosa cidade”


A alcaldesa participou esta mañá no acto de presentación da oitava edición da publicación, que recolle imaxes antigas pertencentes á colección Bartolomé-Chavert e inclúe 633 fitos históricos da Coruña

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de presentación do Calendario Histórico da Coruña de cara ao ano 2024, unha iniciativa que chega á súa oitava edición e na que o Concello colabora coa Compañía de Tranvías e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez para a súa difusión.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a proposta, “que lle rende homenaxe á memoria da nosa cidade lembrándonos, precisamente, que as cidades son elementos vivos, expostas a un cambio constante”. Neste sentido, a rexedora, acompañada esta mañá por José Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías, apuntou que o Calendario Histórico da Coruña “axúdanos a poñer en perspectiva os avances experimentados no último século na cidade, así como a coidar imaxes que forman parte do noso patrimonio e falan da nosa identidade, mantendo viva a nosa historia”.

As imaxes do calendario, pertencentes á colección Bartolomé-Chavert e cedidas polo coleccionista Alfonso Bartolomé para dar forma á publicación, recollen eventos como a Batalla das Flores do ano 1906, así como panorámicas antigas da Coruña como a do IES Eusebio da Guarda case en primeira liña de costa, ao pé da enseada do Orzán e Riazor.

Tamén o traballo das mulleres do antigo mercado da rúa Santa Lucía.
Ademais, o calendario inclúe 633 fitos históricos da cidade, ordenados día a día e recompilados polo xornalista Rubén Ventureira, autor dos textos da publicación. Inés Rey destacou tamén este traballo, “que ao igual que as imaxes do calendario, son xoias dun valor incalculable”.